Que é Tane
Tane (種) significa “semente” en xaponés; o nome completo, tanemaki (種まき), significa “sementar / espallar sementes”.
Nunha frase #
Unha app sinxela e libre para gardar as túas sementes e compartilas con quen ti queiras. Funciona sen internet e sen ningunha empresa polo medio.
Por que fai falta #
Hoxe unhas poucas empresas controlan boa parte da semente do mundo. Moitas sementes están feitas para que non sirvan dúas veces: dan unha colleita, pero a súa semente non xermina ben, e tes que mercalas de novo cada ano. Mentres tanto vanse perdendo as variedades tradicionais —cultivadas e melloradas durante miles de anos— e con elas o saber para cultivalas.
Compartir sementes é unha das cousas máis antigas e naturais que hai, e aínda así nalgúns sitios volveuse complicado ou mesmo multable (en Francia sancionaron unha asociación por repartir variedades que non estaban na lista oficial). E quen coida sementes segue a facelo con cadernos e follas de cálculo.
Que fai, explicado fácil #
- Gardar — o teu inventario de sementes: que tes, de que ano, canta, de onde vén, co nome que usas ti (sen latín). Igual se tes catro sobres nun caixón que se levas un grupo con centos de variedades.
- Compartir — ti dis que ofreces; alguén preto veo e escríbeche, para regalar, intercambiar ou vender se queres. Pechas o trato ti mesma, directamente. Non entra ningunha empresa nin leva comisión.
Por que é diferente #
- É libre e é de todo o mundo. Non é de ningunha empresa: calquera pode usala, copiala, traducila ou mellorala, de balde e para sempre. É máis unha receita que se pasa que un produto pechado: a iso chámaselle software libre. E quen a mellora está obrigado a compartir esas melloras igual de libremente, así ninguén a pode “pechar” despois (iso é o copyleft).
- Funciona sen conexión. O básico vai mesmo no campo sen cobertura.
- Os teus datos son teus. A túa información gárdase no teu propio móbil, protexida cunha chave, non nos ordenadores dunha empresa. Non a vendemos nin a subimos a ningures. Sen anuncios.
- Ninguén a pode pechar nin controlar. Non hai un ordenador central polo que pase todo: o que compartes viaxa por servidores comunitarios, levados por xente e colectivos —hai moitos e calquera pode poñer o seu—, así ningún deles é un centro que a poida censurar nin cobrarche por usala, coma pasar sementes de man en man (iso significa ser descentralizada).
- A confianza vai de boca en boca. Tratas con xente que coñeces e con quen avalan persoas das que te fías —como sempre se fixo na aldea ou na feira—, sen ter que dar o teu nome real nin o teléfono se non queres.
- En moitas linguas. Para todo o mundo, non para un só país. Tradúcea xente voluntaria.
Para quen é #
Grupos e redes de sementes, hortas e colectivos, quen cultiva… e calquera que teña catro sobres gardados. Para todas as idades, dos 10 aos 99.
Un nome xaponés #
Tane significa “semente” (種); tanemaki (種まき) significa “sementar sementes”. E que o nome sexa xaponés non é casualidade. Hai séculos, no Xapón, pasaban de man en man papeis impresos que prometían arroz: emitíanos templos, comerciantes e almacéns de arroz —non un banco nin unha autoridade central— e a xente aceptábaos por confianza nesa promesa. Unha rede de intercambio sen centro, sostida pola confianza, onde un anaco de papel abondaba para poñer arroz en movemento. Séculos despois, esa mesma idea inspirou redes modernas como o sistema WAT xaponés (2000): un papel que calquera pode imprimir e pasar, sen banco nin centro.
Tane herda ese espírito. Cando compartes sementes podes xuntarlles un Plantare. O nome xoga co pagaré castelán —unha promesa de pagamento, literalmente “pagarei”— cambiando o pagar polo plantar: non “pagarei” senón “plantarei”. É a promesa de devolver, cando poidas, unha cantidade semellante de semente libre. Non é unha compra nin unha obriga: é un compromiso de manter a semente viva e en movemento. E como devolvela significa cultivala, e cultivala multiplícaa, cada xesto fai medrar o común en vez de encollelo.
Onde está e como axudar #
Nos seus comezos. Podes axudar probándoa nun grupo de sementes de verdade, traducíndoa, compartindo o que sabes das variedades, ou programando. Non ten prezo e nunca o terá: sostense con voluntariado, coas propias comunidades e con financiamento público para proxectos de interese común.
A idea de fondo: as sementes tradicionais son patrimonio da humanidade —de todos e de ninguén. Contra quen as quere privatizar, Tane quere poñercho fácil para gardalas, multiplicalas e mantelas en movemento.